Páginas

31/01/2012

Estudar EN...

A conta das mudanzas na materia de Educación para a Cidadanía, atopo isto ao final deste artigo de El País:

Wert también reiteró su intención de elaborar un estatuto del docente o extender los centros bilingües para pasar de “estudiar inglés a estudiar en inglés”. El ministro se reunirá con todas las comunidades autónomas para definir “de forma común” qué se entiende por bilingüismo. Espera aprobar los cambios a finales de 2012 para que se pueda aplicar a los centros en el curso 2013-2014.

Supoño que se trata de mellorar as competencias lingüísticas noutras linguas. Para aprender unha lingua, como moitos sabemos e defendemos, é preciso utilizala. E isto vai nesa liña, aproveitar o estudo dunha materia para mellorar a competencia lingüística. Pero este homiño non sabe onde se mete.

Non sabe onde se mete... ou si? Aquí en Galicia xa tiñamos problemas co noso sistema educativo (presuntamente) bilingüe porque había xente que se negaba a estudar EN unha lingua que, malia ser oficial, non consideran moi súa. Mesmo había algún partido político (alguén lembra o nome?) que prometía que ninguén tivese que estudar EN lingua allea. E ese partido gañou as eleccións.Algún dos políticos de aquí, nomeadamente os profesores universitarios que se dedicaban á política lingüística, poderían falarlle diso.

Quere obrigar a que os nenos estuden EN inglés? Pobre, o que o espera: sociacións de pais protestando, xente dicindo que se negan dereitos, recolleitas de firmas en contra do bilingüísmo, artigos, conferencias e libros falando dos prexuízos morais e psicolóxicos, tertulias radiofónicas e televisivas a moreas, arengas políticas contra supostas imposicións, broncas nas reunións de pais, manifestacións, mobilizacións, nais desesperadas porque os seus fillos non entenden os deberes, ...

Adiviñan que asociacións se van levantar contra esta imposición? Sóalles o nome de agrupacións, partidos, sindicatos, xornais, grupos de comunicación etc que estean en contra desta medida lingüística impositiva? Veremos manifestacións de defensores das liberdades lingüísticas?

Quizais, digo eu, o problema non estaba en estudar EN. Será que só xorde cando se trata de estudar EN algunhas linguas? Adiviñan cales?

P.S: Por certo, unha preguntiña máis, que entenderá a nosa Xunta por bilingüismo?

Sem comentários:

Enviar um comentário