Páginas

09/12/2011

Será o xe?

Eu son Xose. Xe, o, ese, e. Así, con esas letras e non con outras. Esta afirmación parece unha obviedade, pero seica en Galicia o meu nome é ben estraño. Debe estar escrito nun latín antigo, reservado só aos sabios, entendidos e membros da seita secreta da Filoloxía. O que digo semella difícil de crer, pero ben verdadeiro que é.
-Dígame su nombre, por favor.
-Xosé Tal.
-Jo...sé... Tal. -e aí o amable dependente anota "José Tal" no seu papel, ordenador etc.
-Non, mire, é que eu son Xosé.
-Ya, pero... es que le pongo el nombre oficial.
-É que o meu nome oficial é Xosé, non José.
-¿Y le aparece así en el DNI?
Se a alguén lle aparece un xe no nome, que estea ben preparado. Un nome tan "raro" coma o meu esixe ir sempre co DNI na boca (o carné do Xabarín xa caducou). Cómpre presentalo para calquera asunto oficial, non oficial ou tan oficioso como presentarse a un descoñecido.
Claro que o meu son ganas de amolar. A estas alturas xa debería entender eu, que algo de linguas sei, que o xe é unha letra problemática e que boa parte da xente deste lugar que habito ten problemas con ela. Será que é allea ao alfabeto ou é que resulta "demasiado gallega"?
 Porque unha vez salvada a primeira fase, a da incredulidade do dependente, pasamos á da transcrición. Aí é cando podemos mirar a riqueza dialectal da nosa lingua. O meu nome aparece escrito como Sose, Soxe ou Xoxe. Mesmo cheguei a velo escrito como Gose despois de dicirlle ao amable dependente que o meu nome era con xe. 
 Iso último aconteceu hai xa uns cinco anos, pero hoxe chegamos ao cume do despropósito cando me piden o nome e vexo que aparece escrito Suso. Repito o meu nome e aparece Sose e cando lle sinalo a primeira letra e lle digo que o meu nome é con xe aparece o definitivo e abraiante Soxe. Desistín, dei meida volta e marchei.
 Isto, xa o teño comprobado, pasa en calquera sitio. Dá igual que vaias a un supermercado, unha perrucaría, o concello ou á Xunta, é o mesmo se se trata dun notario. En todos os sitios vai a cara de incredulidade. Tamén pode aparecer un aceno destemplado ("ya están los galleguistas estes"). Mesmo hai quen me bota a culpa a min. -¡Cómo me lo dices en gallego! -chegaron a espetarme. Iso si, ninguén amosa vergoña.
 Detrás de min veu unha tal Sheila... Ninguén a mirou con cara rara, todos souberon escribir o seu nome.