Páginas

26/08/2011

Pague en castelán, inglés, francés ou catalán

Un toma un café con leite (con leche?) tranquilamente, cunha agradable conversa, demórase un pouco e logo... Logo toca ir a correr mercar a barra de pan e ir para casa. Así que hai que tomar decisións que impliquen maior rapidez mesmo deixando de lado os gustos e principios de cada un.
Non é que eu sexa moi amigo de hipermercados, e menos gusto do seu pan. Foron as présas  as que me levaron a un e coller unha barra (agora chámanlles baguettes, pistolas ou barras gallegas).
Fun pagar. Como cada vez abren menos caixas e todas estaban cheas de xente, decidín ir ás de autopago. Non me gustan, non falo con máquinas e odio que elas me falen, pero a présa é a présa.
Unha pantalla coa primeira das instrucións e unhas bandeiriñas para escoller idioma: castelán (como non), inglés (que viste moito), francés (a multinacional é de alá), catalán e galego... Claro que non, galego non hai!
E ocorréuseme preguntarlle á encargada do aparello cando se me achegou a desatascalo (coloque su compra en la bolsa, saque su compra de la bolsa). A resposta foi do silencio, reflexivo, ata a lóxica evasiva final: "Eso no se lo puedo responder, caballero, porque no lo sé"
Claro que non sabía. Supoño que non era ela a configuradora das caixas e ademais o feito é ilóxico totalmente. Xa de entrada a lingua propia de Galicia debería estar na máquina, como mínimo, coma unha opción e iso é indiscutible. Non é unha lingua estranxeira, é a propia!
Ademais, se unha empresa respecta a diversidade e os dereitos linguísticos noutros lugares do estado, que é o que lle impide respectar os meus? Seica eu non teño os mesmos dereitos ca un catalán ou un madrileño?
A curiosidade levárame xa a estas caixas hai uns meses. Daquela decidín poñer unha queixa na caixa das suxestións que nin sequera responderon. Mágoa non pedir entón as follas de reclamacións. Desta vez tampouco as pedín. Xa se sabe, as présas.