Páginas

19/04/2011

Mondariz Balneario

Anda a xente algo alporizada, e con razón, polo trato que o meirade complexo comercial de España lle dá ao galego na súa publicidade e nas súas instalacións. Tratamento que, desgraciadamente, é o habitual no noso país.
Recentemente fixen unha visita ao "concello máis pequeno de Galicia". Tratábase de descansar un pouco, relaxarse e coller folgos a través da auga e da tranquilidade. As expectativas lingüísticas que un tiña son fáciles de imaxinar: total discriminación do galego, ausencia de cartelería no noso idioma, falta de atención na nosa lingua etc. É que estamos a falar dun hotel de catro estrela, gran nome e sona e unhas instalacións impresionantes. E xa se sabe, non se pode luxar tal prestixio por cuestións idiomáticas menores, non si?
En parte estaba eu equivocado. A atención en todo momento foi en galego en canto se daban de conta da miña lingua. Ademais, un galego de gran calidade e corrección. Iso é algo de agradecer e de loar, pero que debería ser aínda máis normal.
Sobre todo tendo en conta a gran cantidade de galegofalantes que encontrei no hotel. Loxicamente non fixen un estudo sociolingüístico e trátase máis ben dunha impresión subxectiva, pero quedei sorprendido da porcentaxe de xente que alí falaba galego. Tratábase ademais de xente de todas as idades e, sobre todo, de xente nova.
Agora chega o que non me gustou tanto. A cartelería por ningures aparecía en galego. E iso que fan gala de galeguismo ao darlles nome dos grandes próceres do lugar aos salóns de congresos e convencións. A comunicación escrita cos clientes faise en castelán, inglés e portugués. Xa se sabe que o galego é a lingua estranxeira na súa patria, pero neste caso nin tal honra lle dan. E supoño que os xerentes do complexo non comungarán moito co reintegracionismo.
O galego sempre queda en segundo lugar (miren a sinalización dos aeroportos e estacións), coma unha lingua estranxeira, e nin ese lugar terá na maior parte dos casos.

Sem comentários:

Enviar um comentário