Páginas

14/03/2011

NEOFALANTE adx. e subs.Individuo que empeza a expresarse nunha nova lingua

Esa foi a definición que atopei de tal termo no Gran dicionario Xerais da lingua. Se logo te botas a andar por este país e te mergullas un pouco na rede ou na sociolingüística de Galicia oes que existen uns seres un tanto raros aos que se lles chama de tal maneira. Son aqueles que, sen ter o galego como lingua materna ou habitual, dan en falalo decote.
Pois ben, eu son un neofalante. E sono porque son un individuo que un día decidiu que iso de defender a lingua do país estaba ben, pero que había que pasar da teoría á práctica. O galego non era novo para min, xa o coñecía polas deficientes clases de lingua do colexio e porque era a lingua na que o meu pai falaba cando se alporizaba connosco ou estaba cos amigos ou a súa familia, era a lingua de dous dos meus avós (os paternos) e na que de vez en cando vía a televisión ou lía nun libro. 
Pero non era esa a lingua na que me educaran, nin era a lingua que se oía no meu ambiente, polo menos cando a xente nova falabamos ou cando os maiores se dirixían a nós. Era a lingua que eu, como persoa que quería a súa terra, dicía defender. Non tiña nada contra a normalización, buscaba textos a prol dela, tiña carteis, lía os libros dos homenaxeados no Día das Letras... pero nada de falar galego. Nin sequera co meu pai, os meus avós ou as miñas tías.
Un bo día cheguei á conclusión de que a mellor maneira de defender unha lingua era falándoa, e falándoa sempre. E así, "porque me saíu de dentro", dei en falar galego cos meus compañeiros de escola, nas clases, cos profesores e outra xente.
Esa opción, que parecía máis doada do que en realidade foi, cambiou moitas cousas que eu xamais pensei que cambiaría polo simple feito de falar outra lingua. Era como se cambiase de lentes e mirase as cousas doutra cor: mudara a miña maneira de ver o mundo, de comprendelo, de entendelo. E isto non é retórica nin literatura.
Supoño todo o que conto nesta primeira entrada non ten nada de novidade. Por Galicia adiante hai milleiros de neofalantes. Xente que mudou a súa lingua e probablemente tamén mudou o seu xeito de achegarse ao noso país e ao mundo enteiro. 
Por iso, coa conciencia de que non son o primeiro nin o único, boto a andar este blog. Un experimento, porque é a primeira vez que escribo, co que pretendo achegar a realidade e o día a día de quen fala galego en Galicia.
 





Sem comentários:

Enviar um comentário