Páginas

16/03/2011

Falan os feitos

Xa sabía eu que o señor Caballero, o das grandes palabras, non era moi da querencia do galego. Esa lingua que na súa boca é moi, moi estraña. E se xa non o oímos moito na lingua do país, supoño que a súa preocupación por ela tamén será algo rara.
Nestes días apareceu Vigo inzada de carteis co noso alcalde de protagonista. Baixaba eu pola cidade adiante e case me choran sangue os ollos: aí estaba a gran machada:

QUERÍADES UN VIGO MODERNO E RESPETADO. E O FIXÉCHEDES

Como é posible que en nove palabras, nove, haxa catro erros? 
  1. A segunda persoa do plural do copretérito de indicativo de querer é unha palabra grave e nela non hai ningún hiato.
  2. Da palabra respecto deriva o verbo respectar. Así, co seu grupo culto.
  3. Todos sabemos que a posición habitual do pronome é despois do verbo.
  4. Con consultar o apéndice verbal de calquera gramática ou dicionario de primaria aparece a forma fixestes. Esa, e non outra é a que lle corresponde á segunda persoa do plural do pretérito de indicativo do verbo facer.
Tanto erro só pode significar un total desleixo, e mesmo desprezo pola lingua de noso. Se aparecese o cartel en castelán con tanto erro (Queriais un Vigo moderno y respetao. Y lo hicistes), o autor aparecería cualificado de pailán, cateto, inculto e demais en toda a prensa local e estranxeira. Pero... xa se sabe, é galego!!!
O peor é que todo, ou case todo, se amañaba con instalarlle o corrector de galego ao procesador de textos (é gratuíto) e utilizalo, ou tamén con preguntar, ou... Xa me dirán se non existe alguén cunha mínima capacidade para corrixir iso dentro do partido ou da axencia de publicidade correspondente. Canto pagarían polo deseño do lema e do cartel?
Polo menos utilizan o galego, porque outros, que din defender o bilingüísmo, deixan de lado esa lingua contra a que, supostamente, non teñen nada. Como se ve aquí)

14/03/2011

NEOFALANTE adx. e subs.Individuo que empeza a expresarse nunha nova lingua

Esa foi a definición que atopei de tal termo no Gran dicionario Xerais da lingua. Se logo te botas a andar por este país e te mergullas un pouco na rede ou na sociolingüística de Galicia oes que existen uns seres un tanto raros aos que se lles chama de tal maneira. Son aqueles que, sen ter o galego como lingua materna ou habitual, dan en falalo decote.
Pois ben, eu son un neofalante. E sono porque son un individuo que un día decidiu que iso de defender a lingua do país estaba ben, pero que había que pasar da teoría á práctica. O galego non era novo para min, xa o coñecía polas deficientes clases de lingua do colexio e porque era a lingua na que o meu pai falaba cando se alporizaba connosco ou estaba cos amigos ou a súa familia, era a lingua de dous dos meus avós (os paternos) e na que de vez en cando vía a televisión ou lía nun libro. 
Pero non era esa a lingua na que me educaran, nin era a lingua que se oía no meu ambiente, polo menos cando a xente nova falabamos ou cando os maiores se dirixían a nós. Era a lingua que eu, como persoa que quería a súa terra, dicía defender. Non tiña nada contra a normalización, buscaba textos a prol dela, tiña carteis, lía os libros dos homenaxeados no Día das Letras... pero nada de falar galego. Nin sequera co meu pai, os meus avós ou as miñas tías.
Un bo día cheguei á conclusión de que a mellor maneira de defender unha lingua era falándoa, e falándoa sempre. E así, "porque me saíu de dentro", dei en falar galego cos meus compañeiros de escola, nas clases, cos profesores e outra xente.
Esa opción, que parecía máis doada do que en realidade foi, cambiou moitas cousas que eu xamais pensei que cambiaría polo simple feito de falar outra lingua. Era como se cambiase de lentes e mirase as cousas doutra cor: mudara a miña maneira de ver o mundo, de comprendelo, de entendelo. E isto non é retórica nin literatura.
Supoño todo o que conto nesta primeira entrada non ten nada de novidade. Por Galicia adiante hai milleiros de neofalantes. Xente que mudou a súa lingua e probablemente tamén mudou o seu xeito de achegarse ao noso país e ao mundo enteiro. 
Por iso, coa conciencia de que non son o primeiro nin o único, boto a andar este blog. Un experimento, porque é a primeira vez que escribo, co que pretendo achegar a realidade e o día a día de quen fala galego en Galicia.